FENDA

    Fenda é un proxecto escultórico/lumínico levado a cabo para o proxecto Mulleres Extramuros, da Deputación de Pontevedra.

O proxecto ten como elementos principais a luz e os espellos. Os espellos son elementos perceptivos símbolos do ego e a súa contorna, o seu reflexo devólvenos unha copia, unha visión onde confrontar a realidade e a identidade.

Esa imaxe parte dunha percepción subxectiva, que se nutre dos nosos imaxinarios, é por iso que o espello funciona como fronteira onde realidade e fantasía se atopan fronte a fronte. O refrexo crea outro lugar ao que o desdobramento pertence, obxectos e suxeitos se invirten, devólvenos outro espazo onde ir.

En Silleda, e máis concretamente en Cortegada algúns lugares nos devolven a realidade e outros a fantasía.

Historia e lenda entrelázanse e conforman a identidade do lugar xogando nun limbo no que atopamos criaturas mitolóxicas, historias do Demo e os monxes, pero tamén historias de migración e superación das persoas que habitan as vilas, tinguindo ao territorio dun realismo máxico.

Os Mouros son seres da mitoloxía galega que viven baixo os castros custodiando tesouros, conta a lenda que estas fortes criaturas posúen poderes sobrenaturais que lles permiten abrir fendas no territorio dando patadas para poder acceder ao seu mundo. Aínda continúan habitando estes paraxes e, malia que rara vez se deixen ver neste plano, as Fendas fan posible que isto aconteza.

Estas Fendas, que nos devolven a verdade e a fantasía detrás dun mundo simétrico, son visibles para o ollo humano por primeira vez en Cortegada, Silleda. Se buscamos estas fendas ou portais e miramos atentamente descubriremos un sendeiro que nos levará a terras paralelas onde descubrir outros mundos, novas visións. Quizáis os Mouros queran mostrarnos esta vez parte da súa maxia, quizáis estas fendas ou portais funcionen coma elementos de protección fronte aos perigos que envolven as lendas do lugar, ou quizáis estas Fendas poderían ser unha metáfora do camiño que as persoas migrantes fixeron e a lembranza das numerosas mulleres que quedaron adicandose a coidar a Terra.

Ás veces estas portas atópanse en recunchos recónditos, case sempre en lugares especiais. Dise que poderían atoparse en lugares marcados por fenómenos da natureza, normalmente un lóstrego.

Outras voces aseguran que o máis probable é atopalas en lugares marcados pola memoria, lugares en ruinas. Aínda que o máis importante é abrir as portas da imaxinación para atopar ese camiño, símbolo do paso do tempo que no seu desdobramento se volve anacrónico e eterno.

FENDA I

LOCALIZACIÓN: 42.66859388085299, -8.225950447911554

Deseñada e realizada xunto con José Faro, “Coti”, no espazo NONONON.

FENDA II

LOCALIZACIÓN: 42.667918887176754, -8.219626209847913

Deseñada e realizada xunto con María Gutiérrez Cedrón na Asociación Veciñal de Cortegada